Castro verde

Este traballo de recollida está sendo emocionalmente moi intenso. Non me refiro a ter paciencia e non desesperarme cando as cousas saen mal, ou ao cansazo de tanto subir e baixar; nin sequera a emoción de estar con alguén que che conta anacos da súa vida mentres che dá nomes do escenario do seu percorrer. É iso e moito máis. Non vou espir a miña alma, pero si vos vou dicir o que non me importa compartir convosco. Un “efecto colateral” deste traballo é que me fai sentir parte dun todo, faime sentir que pertenzo a un sitio.

Levaba máis de 40 anos fóra de aquí, eu era desas nenas que para ir á aldea (como dicían as miñas compañeiras do cole) tiña que pasarse nun coche tres horas para chegar a Pontevedra. Vir para Mourente era doado, emocionante, pero volver para alá non o era tanto. Nunca conseguín amar a cidade na que me criei, nunca consentín ser parte dela. Recordo que cando cheguei non me gustou o seu acento, nin as rúas cos seus nomes estraños (Españoleto, Frutos Saavedra, Galiano...) ;o primeiro ano vivín un pouco máis arriba da Praza de Armas e moitos máis cerca da Praza de España, onde había ata hai ben pouco unha estatua ecuestre dun ditador nacido alí.

Ninguén nos coñecía, non eramos parte desa cidade nin dos seus habitantes. E de repente volvo e son a filla de alguén, a neta de alguén. Non importa que a xente non me coñeza a min o que importa é que SABEN de min porque saben dos meus. Aquí chamar como me chamo significa algo, localizáseme na memoria e na vivencia colectiva. Para a nena solitaria que fun, para o sentimento de desarraigo que sempre tiven, Mourente é a cura.

Se non vivistes algo parecido non me podedes entender. Os chamadeiros, coñecidos ou non, póñenlle nome ao nosos universos persoais. Na memoria teño gravado cunha voz que non é a miña o nome de Castro Verde: Ese chamadeiro sempre me evoca luz e calor, as mañás de verán pasadas no Pazo. Castro Verde é o nome dunha propiedade que entre outras cousas colle parte da aba do monte Senín polo NW. O monte é o Senín (probablemente dun posuidor SANNIO), máis ninguén lle chama así á aba norte, á parte que se ve dende abaixo, dende a fronte, iso é o monte de Carabelos. Non é o único chamadeiro castro da parroquia xa que máis ao sur topamos o monte do Castro: xa sabedes que en Mourente temos os restos dun castro, só temos que ir ata o cumio do Castro para ver o lugar do antigo asentamento castrexo, no Picoto. Abaixo, pola ladeira que dá a Freixeiro, hai un cacho que se ve dende abaixo chamado o monte da Cruz de Fóra e algo máis para adiante o monte da Costa. Este monte do Castro compartímolo con Marcón e pola parte que dá a Bora o monte do Castro pasa a ser o monte da Lampán.

Aquí vén algo interesante ou se cadra desconcertante ou pode que simplemente anecdótico: entre o Senín e o Castro dáselle en chamar Castrosenín (as razóns parecen obvias), por onde está o GRS da Garda Civil, pero é que ao terreo onde están esas instalacións chámanlle O Castro, e ao campo de fútbol cercano chámanlle o campo do Castro. Pero o monte onde están os restos dun castro non é ese, é o outro. Hai un par de semanas un informante de 96 anos dicíame que se diferenciaban moi ben un do outro, un era O Picoto e o outro era O Castro! Que significa isto? Eu interpretaríao como un exemplo de que nada é inmutable, se o pasar do tempo varía a orografía deses montes que non ocorrerá coas súas denominacións cando a vida humana é un suspiro, nin iso, comprada coa vida xeolóxica, e ademais o ser humano é voluble, caprichoso e, todo hai que dicilo, infiel. Que ninguén se me mosquee! refírome a que todo parece vir determinado e condicionado pola superviviencia en calquera dos seus graos. Usamos o que nos fai falta, nomeamos o que usamos e desbotamos o que xa non nos fai avío. Para a maior parte, xa non digo máis e quero ser optimista, dos menores de 50 anos dálle igual se houbo ou non un castro, se se chama Castro, Senín, Picoto ou maripepi. Non lle sacan rendemento ao monte ergo non lles importa.

Creo que hoxe estou un pouco derrotista e nun labor coma este unha non se pode deixar vencer polo desánimo ou empezaría a pensar en que non vai importar o que recolla, que os nomes se van perder porque a ninguén parece interesarlle. Estaría equivocada? debo e quero crer que si e que vós sabedes mellor ca min ata que punto o estaría.

Ata a semana