A casa dos Canóns

Boto de menos Mourente, levo dous días fóra e xa me tarda volver. Boto en falta asomarme á ventá e ver árbores, quero andar polo monte, necesito saber que o río está a un paseíño de nada. Ata boto de menos ir de pesca. E é que a miúdo vou de “pesca”.  Tranquilo todo o mundo que non vou falar do rio outra vez! Chámolle ir pescar a coller mochila, fotos, cámara, caderno e lapis para ir andar por Mourente adiante en busca de informantes que me axuden a encher os ocos que teño por toda a parroquia. Hai días, demasiados, que tras varias horas de camiñada só consigo tres ou catro topónimos, pero hai outros en que topo con alguén que ten tempo, ganas e sabe. Así foi como souben dalgúns chamadeiros do sur que aínda non coñecía.

Métome polo camiño que vai ás veigas de San Mamede, á beira do cemiterio de San Amaro; vou co camposanto e os seus muros a un lado, coas casas e os seus cerrados ao outro; de súpero ábrense ante min como saídos da nada Os Lugares, tanto os de Arriba como os de Abaixo a pesar de que o carreiro que os divide é pouco máis que un recordo na memoria dos veciños e alá ao fondo, máis baixas, descubro as veigas da Chan. Sigo aí sen moverme adiviñando o precioso muro de pedra da Finca Bos Aires (“Buenos Ayres”) antano coñecida como a de Silleda  porque eran de alí os seus antigos donos.  Se me viro un chisquiño cara á dereita, ao outro lado do cemiterio, podo notar a presenza dos Pardiñeiros, dos Carreiros e das Laghoeiras. Aínda que quixese xa non podería ir á capela de Santa Bábara , de lado do mato  de Corrales. Quero determe un momento á súa altura, mais para iso teño que moverme, para ensinárvolo temos que chegar á estrada coa que linda.

O de Corrales nun principio non ten nada do outro mundo, miremos dende onde o miremos, pero saíndo de entre as árbores como unha pantasma, ou se cadra escondéndose nelas, está a casa dos Canóns. Queda moi pouca cousa dela, albíscase que foi casa principal ou mesmo pazo. Eu os “canóns” non os vin, quizais aqueles últimos días de moita calor tiveron a culpa ou simplemente xa non queda nada deles. Non vos imaxinedes balas, nin soldados, nin batallas pola nosa Pedra do Lagarto. Polo que me dixeron véuseme á cabeza algo moi concreto. Comentábanme que tiña na fachada canóns de pedra e que cando a casa estaba xa esmorecendo quixo un canteiro compralos, mais a dona non os vendeu porque Patrimonio non lle deixaba. E eu pensei no que podían ser eses canóns e visualicei un pazo de pedra, un tellado, chuvia, canles de recollida, chuvia, auga escorregando, auga caíndo, auga batendo contra o chan. Imaxinei gárgolas, pero despístame o feito de que ninguén aludise a figuras na boca do cano. Se cadra non ten nada que ver, os meus coñecementos de arquitectura son bastante escasos e só se me ocorren cousas que coñezo. Se o sabe alguén e quere compartilo, gustaríame moito sabelo. De todos os xeitos vou tentar averigualo e non quedarme a velas vir.

Unha última cousa. O roteiro do domingo estivo moi ben. Non hai programados máis polo de agora, pero como os participantes pediron máis é probable que alá para a primavera haxa máis paseos pola parroquia. Nos vos conto nada porque fomos por sitios dos que xa vos falei incluído o río.

 

Un favor, escoitade o son das follas das árbores por min.