As covas dos canteiros

Hai unhas semanas tiven a oportunidade de descubrir un fermoso tesouro, tesouro que a pesar das inclemencias do tempo ou o abafante peso de árbores inmensas permanece fito, forte, silencioso… agochado entre montañas de pedras e pequenos sendeiros no concorrido e popular Monte de San Cibrán, lugar de Vilafranca.

Comecei a miña andaina nas casas situadas por riba do Muíño da Pontiña (restaurado na actualidade), que reciben o nome do Cotarro como parte diferenciada dentro do devandito  lugar. Acompañada por Soledad Fortes, Luca, e Benito Loureiro, accedemos ao monte por un camiño denominado de San Cibrán, vía que comunica coa veciña freguesía de Tomeza. Neste vieiro, ao igual ca en moitos outros, pódese observar o desgaste ocasionado polo infatigable paso dos carros nalgún tempo.

Ao rematar este pequeno sendeiro, chegamos a unha encrucillada en que se sitúa, por unha banda, o mato denominado A Cova da Vella e, por outra, A Canteira da Tesa (alcume do Albeiro), unha das moitas que se atopan nesta zona. Seguindo en ascenso e deixando á nosa dereita O Mato da Parda, un dos máis extensos deste monte, aproximámonos ao lugar en que se sitúa A Canteira do Carrelo (alcume do lugar da Ría de Arriba) e é aquí onde permanece inmutable unha das moitas alfaias da nosa cultura: os chozos dos canteiros. Os informantes comentáronme que estes eran construcións feitas polos coñecidos como arxinas para resgardarse do mal tempo.  En total puidemos observar tres, nunha delas incluso se conserva parte do corredor de acceso.

Ao redor destas obras só se observan as enormes montañas de restos pétreos, na actualidade cubertas de maleza, que foron o resultado do duro e esgotador traballo destes honrosos homes e mulleres. Un traballo que deu como froito unha multitude de edificios construídos nas vilas de Pontevedra e Marín.

Á parte do oficio de canteiro, faláronme das persoas que realizaban o traballo de transporte da pedra, coñecidas como  carreteiros/as, que levaban a cabo este labor grazas a vehículos de tracción animal (carros de bois). Ademais, algún dos propietarios destas canteiras relatoume que as mulleres de moitos lugares eran as encargadas de levarlles a comida a estes traballadores, función que a realizaban portando os alimentos en cestas na cabeza.

Por outra banda, durante a nosa camiñada Luca e Benito comentábanme que daquela esa zona estaba toda a prado e no día da festa de San Cibrán eran todo merendas e xente comendo polo monte. Segundo eles, aquilo era precioso, daba gusto andar pola zona.

Para finalizar o noso percorrido , fomos ata a Fonte da Perralla (alcume procedente do Albeiro, onde hai unha taberna moi coñecida que recibe o mesmo nome), un pequeno manancial, utilizado diariamente por estes traballadores da pedra, do que aínda abrolla un gurgullo de fresca e transparente auga.

Apertas.