Remata o 27 de setembro o prazo de inscrición para os Premios Youtubeir@s

O vindeiro 27 de setembro remata o prazo para inscribir vídeos aos Premios Youtubeir@s. Ao longo dos últimos sete meses todas as persoas interesadas en participar tiveron a oportunidade de subir e inscribir os seus vídeos, que foron recompilados polo proxecto e visionados polo xurado dos Premios.

Os vídeos, como explican nas bases que se poden atopar en www.youtubeiras.gal, poden pertencer a catro categorías. Os vídeo-opinarmos son, como o seu nome indica, vídeos de opinión onde se pode falar sobre diferentes temas. Os vídeo-facermos son videotutoriais onde se pode explicar desde como lavar unha leituga a como crear a maquillaxe de Samaín máis arrepiante. Os vídeo-cantarmos, categoría nova deste ano, son vídeos musicais, tanto de cancións orixinais como de versións ou parodias. Ademais, temos a categoría de canle, que avalía a traxectoria, repercusión, contidos e outros aspectos dunha canle de forma global.

Nesta edición os Premios Youtubeir@s enfocáronse na creación da comunidade youtubeira, polo que se fixeron encontros como o Youtubeir@s en conexión, onde se perseguían obxectivos como a desvirtualización doutros creadores e creadoras do Youtube e intercambio de ideas, reflexións e novos retos de cara ao futuro. Tamén outras actividades alimentaban a creación de comunidade, como a Lista de reprodución ao vivo, onde o mundo do internet se conecta coa realidade. Neste evento, que terá lugar a vindeira semana, as persoas asistentes poderán ver a distintas youtubeiras e youtubeiros ao vivo, e como se estiveran vendo unha lista de vídeos na rede, poderán ir dun punto a outro escoitando en directo as diferentes propostas.

Organización
Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Pontevedra, Moaña, O Grove, Rianxo, Santiago, Teo, Ames, A Coruña, Ourense, A Baña, Carballo, Cedeira e Ribadeo, da Deputación da Coruña e das universidades de Vigo, Santiago e A Coruña.