Inicio Para ti Maio, mes da lingua

Maio, mes da lingua

Maio, Mes da Lingua é un programa impulsado pola da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra para facer visible o traballo a prol da lingua que se fai tanto desde o Concello como desde diversas entidades do municipio, principalmente desde asociacións. Así, nun programa conxunto editado en papel e en formato electrónico recóllense todas as actividades que teñen lugar no concello nas que a lingua é vehículo ou protagonista: conferencias, xornadas, relatorios, camiñadas, recitais, certames e premios, cine e teatro… O traballo para a recuperación e a normalización do uso da lingua desenvólvese ao longo de todo o ano, pero neste mes increméntase especialmente para reivindicar que o Día das Letras Galegas, non é abondo para o traballo a prol da idioma. Maio, Mes da Lingua quere mostrar que hai moita vida arredor do galego e que, como dicía Manuel María “o idioma é a chave coa que abrimos o mundo”.

Maio, Mes da Lingua é unha iniciativa que xorde cos seguintes propósitos:

  • Promover o uso da lingua en distintos ámbitos sociais
  • Visibilizar o traballo de asociacións e outras entidades a prol da lingua
  • Animar a novas asociacións a unirse no traballo pola lingua
  • Agrupar toda a actividade que hai arredor da lingua no mes de maio nun mesmo punto de referencia, a través dun programa en formato físico e dixital.
  • Valorar a lingua como patrimonio de todas e de todos dun xeito lúdico e formativo.
  • Propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións sociais e individuais a prol dela.
  • Contribuír a manter vivo o maior patrimonio creado polas galegas e os galegos e implicar a toda a poboación pontevedresa no cumprimento deste obxectivo.

Este ano 2020 foi, ante todo, inesperado. Inda vivimos unha situación totalmente extraordinaria, e xa sabemos que, ante circunstancias extraordinarias, tómanse medidas extraordinarias. É por iso que toda a programación para homenaxear a Ricardo Carvalho Calero no Día das Letras Galegas 2020 foi adiada ao 30 de outubro, día en que morreu o autor.

As circunstancias deste maio de 2020 lévannos a conmemorar a obra de Ricardo Carvalho Calero a través das redes, que tanto valor demostraron nestes meses de confinamento, e así lanzamos esta pequena homenaxe na que vos deixamos aquí a primeira dunha serie de fichas con actividades para coñecer un pouco máis sobre Carvalho Calero e a súa obra. Cada día durante unha semana subiremos ao noso Facebook unha ficha diferente, que tamén colgaremos día a día no noso web.

Esperamos que gocedes e aprendedades moito con Carvalho Calero!

Edicións anteriores

REDES SOCIAIS

1,284FansGóstame
136SeguidoresSeguir
413SuscriptoresSuscríbete

NOVAS DESTACADAS