Música

A música en galego está que ferve! Desde o Servizo de Normalización Lingüística poñemos en marcha varias accións e programas destinados a impulsar a nosa música. Desde o Galegote Rock ata Cantámola en galego, do Música nas Letras ao Ben Veñas, Maio, que ninguén leve a música a outra parte!

Exposición CantáMOLA en galego

A exposición “CantáMOLA en galego” debuxa unha panorámica sobre a escena de música en galego dos últimos 20 anos. Desde maio de 2021 estivo viaxando por distintos espazos, desde as rúas de Pontevedra ata o Culturgal, pasando por unha chea de centros de ensino do concello de Pontevedra.

Ademais, existe unha publicación co catálogo da exposición e unha unidade didáctica para ensino secundario realizada por Rosalía Fernández Rial; pódese descargar aquí. Ademais, creáronse como parte da exposición unha listaxe de reprodución en Spotify e mais unha canle de Youtube con vídeos.

Esta exposición foi galardoada nos Premios Mil Primaveras ao mellor proxecto novo 2021.

Galegote Rock

O Galegote Rock é un proxecto de música en directo que ten a finalidade de dar a coñecer a intérpretes e grupos de música de distintos estilos e achegar ao público unha ampla oferta de música de calidade, feita en galego e en directo, tanto en locais como en prazas, rúas e xardíns.

Cartel

Galegote Rock 2023

Edicións do Galegote Rock

Música nas Letras

Esta iniciativa busca impulsar a creación de música en galego na cidade de Pontevedra, ao tempo que se dá a coñecer a obra das persoas homenaxeadas no Día das Letras Galegas. No ano 2021 celebrouse a primeira edición deste certame co X Xela, no que a participación foi exitosa tanto cuantitativa como cualitativamente.

Podes descargar as bases aquí.

Cartel

Música nas Letras -Cartel 2023

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza o certame Música nas Letras, dirixido a bandas de calquera estilo musical de Pontevedra que acrediten ter un compoñente de Pontevedra. As bandas participantes deben musicar, con composicións orixinais, un poema ou mestura libre de versos de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022. Outorgaranse tres premios, de 1.000, 500 e 250 euros. O prazo de presentación de traballos remata o 5 de maio de 2022.

Podes descargar as bases aquí.

A Concellaría de Normalización Lingüística homenaxeou á poeta á que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas no 2021, Xela Arias, cun certame musical. O obxectivo enmárcase na filosofía de difundir a obra da poeta homenaxeada en convivencia con outra disciplina artística como é a música. Deste xeito, ademais de promover a obra poética de Xela Arias tamén se incentiva a creación musical en lingua galega na escena musical pontevedresa.

No concurso, denominado “X Xela”, puideron participar tanto músicos e músicas como bandas de calquera xénero ou estilo musical de Pontevedra ou que acreditaran ter un compoñente de Pontevedra. As bandas participantes musicaron, con composicións orixinais, un poema de Xela Arias, admitíndose como única lingua de interpretación oa lingua galega.

O Concello organizarou un acto público multidisciplinar o Día das Letras Galegas, que foi presentado polas regueifeiras Alba María e Lupe Blanco, e no que entregaron os premios e as bandas gañadoras interpretaron as súas composicións.

Podedes descargar aquí as bases do certame.

ACTUALIDADE:

que está a pasar no panorama musical en galego?

Queres estar á última do que pasa na música en galego?
Non perdas de vista os programas de GZ música!

GZ Música de abril

GZ Música de marzo

GZ Música de febreiro

HISTÓRICO

Cántamo en galego

Cántamo en Galego! é un espazo musical radiofónico no que cada luns, durante o programa Pontevedra na Onda, danse a coñecer todas as novidades da produción musical en galego: discos, concertos, certames, festivais, eventos… co fin de achegar a música en galego ao público.

Faladoiro do Cántamo en galego

Os faladoiros do Cántamo en Galego! son programas especiais nos que se entrevistou a artistas da nosa música que poñen en valor o uso da lingua galega na produción musical. Os encontros tiveron lugar en diferentes centros educativos do concello de Pontevedra, onde o alumnado tivo a oportunidade de coñecer as persoas convidadas, que viñeron falar da súa carreira musical, novos traballos e a súa experiencia neste mundo. Ao finalizar a entrevista, hai unha quenda de preguntas, que vén seguida dunha canción acústica en directo. Na actualidade non se están a facer faladoiros.