O TAMBRE

Ola de novo.

Non me esquecía deste blog. Esta pausa permitiume seguir pescudando polos lindes, e para seguir dándolles forma, aínda estou agardando a poder falar novamente co párroco de San Vicente e cunhas señoras ben dispostas, pero moi ocupadas, da Meán. Neste asunto noso da toponimia os ritmos non os pos ti, póñeno aquelas persoas que che regalan o seu tempo e moi a miúdo unha agradable conversa.

Hoxe quero falarvos dun dos chamadeiros que a min particularmente máis me chamou a atención, non polo bonito do nome senón polo peculiar. Servirame tanto para recordarvos que os topónimos non son algo doutrora como para mostrarvos a relación tan íntima que adoita haber entre o nome e a realidade que nomea. Quero falarvos do Tambre.

O Tambre? Si, xa sei, queda un chisco a contramán, máis este río é o protagonista, referencia e orixe dun chamadeiro noso. O Tambre é nin máis nin menos que o tendido eléctrico que atravesa, entre outras, a parroquia de San Vicente de Cerponzóns de norte a sur; as torres de alta tensión que o sustentan son as torres ou as columnas do Tambre. Chulo, verdade?

o-tambre-300x225

A primeira vez que o oín, despistoume e crin oír mal. Despois, cos días e tras escoitar a distintas persoas usalo como referencia espacial decateime de que tiña que consideralo como un topónimo máis, coma un chamadeiro moi peculiar, pero un chamadeiro de seu. A min iso de escoitar que “O Tambre pasa polos Mouchos e polas Pallotas, As Salgueirosas e baixa polas Barreiriñas” ou que “ás Lampáns non lles toca” ou tamén que “[…] indo para A Ermida queda á dereita do Tambre sen tocalo […]” que queredes que vos diga? Encantoume!

o-tambre-google-300x202

Era fácil supoñer que algo tiña que ver co salto do Tambre e sendo como son, tiña que investigar e confirmalo, claro. Lin varios textos onde poder relacionar Tambre+Pontevedra+electricidade e tras bastantes horas navegando por Internet lendo por aquí e por acolá puiden facerme unha idea. Póñovos ao pé deste post algúns dos textos que lin por se tedes interese sobre a chegada da enerxía eléctrica a Pontevedra e a consolidación do seu uso. Mirade: A luz eléctrica chegou a Pontevedra en 1888, a primera central instalouse no solar da que agora se coñece como a Casa da Luz, na praza da Verdura. En 1921 aprobáronse as bases para un acordo entre a Sociedad General Gallega de Electricidad, a Electra Popular de Vigo y Redondela e a Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago. O acordo propoñía a formación dunha nova empresa, a partir da fusión das tres e a inclusión nela do concesionario do salto do Tambre!No período comprendido entre 1928 e 1932 entra en funcionamento este salto, o maior dos construídos en Galicia no período anterior á Guerra Civil. Decatádesvos do que significa isto para nós? Podemos aproximar a época en que se xerou o topónimo e a súa motivación. Todo un luxo despois de romper a cabeza coa Ghordeira, non si?

Úsano cando menos na parroquia de Cerponzóns e un compañeiro díxome que en Ponte Sampaio si o usaran, pero que se referían a el como unha denominación xa en desuso. Aí quedaría a cousa se non pasase hai pouco pola preciosa exposición Pontevedra Entre Ríos onde había unha fotografía nun dos paneis cun pé de foto revelador: columna do Tambre! É dicir, na vila tamén se usaba este nome non só nas parroquias polas que pasaba; é dicir, podemos presupoñer que hai un tempo era de uso xeral. Isto xa é de facer festa!

expo-pontevedra-dende-os-rios-300x225

Doctor Jordi Nadal: la industrialització i el desenvolupament econòmic d’Espanya, Volumen 2:

http://dialnet.unirioja.es/servlet/libro?codigo=2719#volumen993

La transición energética en las ciudades de Galicia. Del gas a la electricidad 1850-1936, Jesús Mirás Araújo, Alberte Martínez López:

www.ub.edu/geocrit/Simposio/cMirasMartinez_Latransicion.pdf

Continuidad y cambio en la España urbana en el período de entreguerras. Jesús Mirás Araújo:

http://ruc.udc.es/dspace/bitstream/2183/11784/2/9788497450072.pdf