Falamos

FALAMOS logotipo

Queres facer cousas divertidas e
coñecer xente en galego?

Queres descubrir un mundo enteiro que está a agardar por ti?

Atréveste a lanzarte a falar máis galego?; e a falalo mellor?

Se estudas no campus de Pontevedra, esta proposta é para ti e contigo. Queremos artellar actividades para e coa mocidade do campus de Pontevedra para socializar, facer amizades, aprender, divertise… en galego.
Puxémola en marcha a Universidade de Vigo e mais o Concello de Pontevedra porque cremos que a potencia da nosa lingua vai máis alá de ser un simple instrumento de comunicación. Queres sumarte á comunidade?

PARTICIPA!

Durante este curso vai haber unha chea de actividades, a única condición para participar é falar en galego! O prazo de inscrición das actividades de febreiro xa pechou, pero a finais de mes abrirá o prazo para as de marzo. Non nos perdas de vista!

TES PROPOSTAS?

Ademais de inscribirte e participar nas actividades, se tes dúbidas ou queres facernos chegar as túas propostas, podes usar este formulario de contacto.

ACTIVIDADES

Para participar nas actividades é preciso:

  1. Formar parte do programa Falamos; podes solicitar a inscrición en apuntate.pontevedra.gal/falamos/
  2.  Apuntarte nas actividades no prazo de inscrición: https://apuntate.pontevedra.gal/   As prazas cóbrense por orde de inscrición e o prazo para apuntarse ao club de lectura, ao voluntariado lingüístico e ás sesións de febreiro rematou o 31 de xaneiro. A finais de mes abren os prazos de inscrición para as actividades do mes seguinte:
    – Actividades de marzo: entre o 26 de febreiro e o 4 de marzo.
    – Actividades de abril: entre o 26 de marzo e o 1 de abril.
    – Actividades de maio: entre o 28 de abril e o 2 de maio.
  3. Antes do comezo das actividades recibirás un correo electrónico comunicándoche se tes ou non praza e, de tela, convocándote á primeira sesión.

Onde e cando

Toda a información práctica das actividades publicarase aquí abaixo en cada actividade.

Nestes momentos, debido ás limitacións pola pandemia, todas as actividades son en liña, pero trataremos de volver ao formato presencial en canto poidamos.

Descrición

Queres coñecer xente e gústache darlle á lingua? Esta actividade é para ti, tanto se es falante excelente como se tes a sensación de que che falta fluidez. Apúntate, que a falar apréndese falando!

Como funciona?

Calquera membro da comunidade universitaria pode participar nesta actividade despois de inscribirse no programa Falamos. Precisamos que vos anotedes como falante experto/a ou como falante en proceso de mellora. Despois de inscribirvos, a organización asignaravos parellas atendendo os vosos gustos e o voso dominio da fala. Quedaredes para falar en galego nunha cafetería ou nalgún outro lugar público. Convidarémosvos a unha consumición sen alcohol.

Cando e onde?

Na sesión de presentación do luns 22 de febreiro explicarase o funcionamento da actividade. As sesións serán semanais, á hora e no lugar escollido por cada parella.

Descrición

Propoñémosche un espazo para compartir, comentar e debater en galego lecturas de textos literarios escritos ou traducidos ao galego.

Como funciona?

A actividade celebrarase unha vez ao mes, en horario de tarde. En cada sesión comentarase un libro. Haberá unha persoa que modere a sesión, que animará e dinamizará a participación de todo o mundo.

A asistencia é de balde (lembra inscribirte en Falamos). O único posible gasto é a merca dos libros, que contará cunha bonificación sempre que se merque nas librerías colaboradoras.

Cando e onde?

Luns 8 de febreiro. 20 h. Presentación en liña
Na presentación coñeceremos ás persoas participantes no club e escolleranse as lecturas da segunda e da terceira sesión.

Luns 1 de marzo. 20 h. Senlleiras, Antía Yáñez (2018)

Luns 22 de marzo. 20 h.

Luns 12 de abril. 20 h.

Descrición

Moitas veces coñecemos e admiramos o traballo e os proxectos que desenvolve unha compañeira de clase, unha persoa da nosa facultade, alguén do panorama cultural ou científico galego… pero nunca tivemos a oportunidade de falar con esa persoa e saber máis! Queres entrevistar a algunha persoa interesante, preguntarlle polo seu traballo e dalo a coñecer? O mes de marzo deste cuadrimestre teremos encontros virtuais entre a nosa comunidade de Falamos e as vosas persoas de referencia.

Como funciona?

Na sesión de presentación explicaremos a dinámica da actividade. Se queres presentar a túa proposta para falares con esa persoa interesante, apúntate nesta sesión e contarémosche como facer.

Onde e cando?

Durante o mes de febreiro organizaremos as entrevistas, que serán conducidas por integrantes da comunidade Falamos e terán lugar os martes de marzo a través dos directos de Instagram.

Descrición

Gústache darlle á lingua e debater sobre temas de actualidade? As conversas son espazos para participar en grupo falando sobre temas que che poden interesar, presentados e moderados por persoas especialistas.

Como funciona?

A actividade celebrarase unha vez ao mes, en horario de tarde, e serán en liña mentres a pandemia non permita facelas de forma presencial. A finais de mes abre a inscrición para a conversa do mes seguinte. Podes inscribirte xa para a sesión de febreiro.

Onde e cando?

Martes 23 de febreiro. E ti como ves a cuestión da lingua en Galicia?, modera Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

Mércores 17 de marzo. Pódese vivir da creatividade? Imaxina a túa carreira profesional, modera Patricia Hermida, axente musical.

Xoves 15 de abril. Galiza 2050, cara a onde imos?, modera Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística e Xuventude do Concello de Pontevedra.

Martes 27 de abril. Pódese traballar en Galicia? Traballar aquí ou saír fóra, modera Dháunae de Vir, creadora de videoxogos.

Descrición

Gústache o cine e comentar as pelis? Esta é a túa actividade! Podes falar en galego, coñecer xente coma ti e descubrir pelis chulas na nosa lingua, todo á vez. Propoñémosvos ver películas en galego e/ou subtituladas en galego para despois debatelas en grupo.

Como funciona?

As películas proxectaranse no Teatro Principal, en colaboración co Cineclub de Pontevedra. Ao rematar a película contaremos cun moderador/a que fomentará o debate e a participación das persoas asistentes. Lembra que quedamos para falar en galego.

Películas previstas:

Xoves 13 de maio. 20 h. Dorothé na vila, Olaia Tubío e Alejandro Gándea, Galiza, 2020, 85 min., VOSG

Mércores 19 de maio. 20 h. As nosas derrotas, Gabriel Périot, Francia, 2019, 96 min., VOSG

Mércores 26 de maio. 20 h. Vikingland, Xurxo Chirro, Galiza, 2011, 99 min., VOSG

ÚLTIMAS NOVAS SOBRE O PROGRAMA FALAMOS!

FALAMOS DE MÚSICA E LINGUA!

Falamos coa Rabela

Falamos coas Tanxugueiras

Falamos con Noelia, Sara en S.E.X.

Falamos con Amorodo

Falamos con Fátima Pego

Falamos con Touriñán

Falamos con Carlos

Falamos con García MC

Falamos con Iria, Xela en S.E.X.

DÚBIDAS?

Se tes calquera dúbida, podes escribirnos a falamos@pontevedra.gal

Concello de Pontevedra - logo Neg
A lingua Latexa - logo Gris
Area Normalizacion Linguistica UDV - logo Negro