Chega o Correlingua a Pontevedra!

Despois de ter que adiar a programación prevista para o mes de maio pola alerta sanitaria xerada polo coronavirus, mañá celebrarase a festa nun formato adaptado ás restricións en prevención da covid. Todas as citas do Correlingua que se están a celebrar arredor do país poden ser seguidas por streaming. A festa de mañá pode seguirse por aquí.


En Pontevedra emitirase mañá en directo, desde o CEIP Santo André de Xeve, un dos centros que máis tempo leva a participar no Correlingua. Asistirán presencialmente á festa as nenas e os nenos dos cursos 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria, en total 76 alumnas e alumnos máis 8 profes.


A festa comezará ás 12 da mañá, e retransmitirase en streaming desde o pavillón do CEIP Santo André de Xeve. Intervirá no acto o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña Piay e actuarán Luís o Caruncho, que tamén conducirá o acto, e mais o grupo gañador do Cantalingua desde ano: Cuarta Xusta. A duración prevista para o espectáculo será dunha hora; tamén se lerá o manifesto que celebra o vixésimo aniversario deste evento de normalización lingüística. O lema desta edición é “Vinte coa lingua”, fai unha chiscadela aos vinte anos de existencia desta cita anual que pula polo futuro da lingua.