Chega o Ben Veñas, Maio 2021!

Ben Veñas, Maio é un certame que busca fomentar a creatividade desde o galego na mocidade en ámbitos como a poesía, narración curta, fotografía, banda deseñada ou a música. Este concurso está dirixido a ESO, bacharelato e ciclos formativos dos centros públicos de Pontevedra. Poderá participar o alumnado matriculado nos IES e CIFP públicos do concello de Pontevedra segundo as bases establecidas polos ENDL destes centros. Podes descargalas aquí.

BEN VEÑAS MAIO 2021

BASES XERAIS

1. Poderá participar o alumnado matriculado nos institutos públicos do concello de Pontevedra.

2. Cada participante poderá presentar cantas obras queira, se ben en cada categoría non se concederá máis dun premio á mesma persoa.

3. O alumnado participante non fará figurar o seu nome nas obras, agás nos certames de videoclips e curtametraxes. O traballo proposto entregarase nun arquivo nomeado co pseudónimo do autor ou autora e no mesmo correo electrónico xuntarase, noutro arquivo distinto, os datos persoais que corresponden ao devandito pseudónimo: nome, idade, enderezo, teléfono, curso, instituto no que estuda e categoría na que participa.

O alumnado que resulte premiado deberá achegar copia do DNI e certificación do número da conta bancaria na que estea autorizado.

4. O xurado que cualificará os traballos será designado pola Comisión Organizadora e só a el corresponde a interpretación das bases. O seu veredicto será inapelable.

5. Todas as obras presentadas poderán ser reproducidas, expostas ou editadas.

6. Os traballos deberán ser enviados por correo electrónico ao enderezo bvm@pontevedra.gal.

7. O prazo de admisión de traballos remata o venres 23 de abril de 2021.

8. O anuncio do veredicto do xurado e a entrega de premios anunciarase con posterioridade á antedita data, en función da evolución da situación sanitaria.

9. Ademais dos premios establecidos, o xurado poderá outorgar cantos accésits considere oportunos. Os accésits consistirán nun lote de libros.

10. Se nalgunha categoría as obras non acadasen o nivel mínimo esixible, o xurado poderá declarar deserto un ou todos os premios contemplados nestas bases. As dotacións económicas dos premios desertos poderán ser empregadas para premiar obras de calquera outra categoría.

BASES ESPECÍFICAS

III CERTAME DE VIDEOCLIPS MUSICAIS«BEN VEÑAS, MAIO»

Os videoclips, a música e os textos serán orixinais e en galego. As letras musicadas poderán ser de autoría propia ou de poesía galega.

Os participantes compartirán os arquivos ou ligazóns dos videoclips por correo electrónico no enderezo bvm@pontevedra.gal

BASES ESPECÍFICAS:

  • A duración do vídeo non poderá sobrepasar os 5 minutos.
  • Formato horizontal en .MP4, .M4V, .MPG, .WMV, .FLV, .AVI ou .MOV.
  • Calidade mínima requirida HD 720 p.
  • Os dereitos de autoría, licenzas de uso e participantes deberán aparecer nos títulos finais de crédito.
  • Ao remate dos títulos de crédito deberán incluírse os logos do Concello de Pontevedrae do Ben Veñas, Maio, que poderán descargarse no sitio web pontevedra.gal.

V CERTAME DE CURTAMETRAXES «BEN VEÑAS, MAIO».

As curtametraxes serán orixinais e inéditas e de temática libre. O idioma empregado será a lingua galega.

Os participantes compartirán os arquivos co enderezo electrónico bvm@pontevedra.gal

BASES ESPECÍFICAS:

  • A duración do vídeo non poderá sobrepasar os 5 minutos.
  • Formato horizontal en .MP4, .M4V, .MPG, .WMV, .FLV, .AVI ou .MOV.
  • Calidade mínima requirida HD 720 p.
  • Os dereitos de autoría, licenzas de uso e participantes deberán aparecer nos títulos finais de crédito.
  • Ao remate dos títulos de crédito deberán incluírse os logos do Concello de Pontevedrae do Ben Veñas, Maio, que poderán descargarse no sitio web pontevedra.gal.

XX CERTAME DE FOTOGRAFÍA«BEN VEÑAS, MAIO»

As fotografías deberán recoller algunha imaxe que represente o uso anómalo ou curioso da lingua galega en rótulos, pancartas, faixas publicitarias, pintadas, indicadores…

Cada fotografía achegarase cun comentario en galego que xustifique o interese da imaxe obtida, así como o lugar e a data de obtención.

A técnica fotográfica e o tamaño serán libres.

Os participantes enviarán os traballos en formato PDF por correo electrónico ao enderezo bvm@pontevedra.gal

XXVIII CERTAME DE BANDA DESEÑADA «BEN VEÑAS, MAIO»

As obras serán orixinais e inéditas. No tema deberá reflexionarse sobre o uso e valoración das linguas e os textos serán en lingua galega.

Poderá utilizarse calquera técnica. O formato será DIN-A4 ou ampliación ou redución proporcional.

A extensión será de dúas páxinas como mínimo e de seis como máximo.

Os participantes enviarán os traballos en formato PDF por correo electrónico ao enderezo bvm@pontevedra.gal

Establécense dúas categorías:

· Categoría A: ata 14 anos inclusive.

· Categoría B: a partir de 15 anos.

XXVIII CERTAME DE NARRACIÓN CURTA «BEN VEÑAS, MAIO»

O tema das narracións será libre. As obras deberán estar escritas en lingua galega e ser absolutamente orixinais e inéditas; terán unha extensión mínima de dous folios e máxima de seis, mecanografados a dobre espazo, por unha soa cara e con letra Times New Roman do tamaño 12.

Os participantes enviarán os traballos en formato PDF por correo electrónico ao enderezo bvm@pontevedra.gal

Establécense dúas categorías:

· Categoría A: ata 14 anos inclusive.

· Categoría B: a partir de 15 anos.

XX CERTAME DE POESÍA«BEN VEÑAS, MAIO»

Os poemas serán de tema libre e terán unha extensión máxima de trinta versos.

As obras serán orixinais e inéditas, escritas en lingua galega e mecanografadas a dobre espazo, por unha soa cara e con letra Times New Roman do tamaño 12.

Os participantes enviarán os traballos en formato PDF por correo electrónico ao enderezo bvm@pontevedra.gal

Establécense dúas categorías:

· Categoría A: ata 14 anos inclusive.

· Categoría B: a partir de 15 anos.

PREMIOS

Certames de curtametraxes, fotografía, banda deseñada, narración curta e poesía

· Primeiro premio: 150 €, lote de libros e diploma

· Segundo premio: 100 €, lote de libros e diploma

Certame de videoclips musicais

· Primeiro premio: 450 € e diploma

· Segundo premio: 300 € e diploma

· Terceiro premio: 150 € e diploma

Organiza:

Logo do Concello de Pontevedra

Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra