Abre o prazo de inscrición para as actividades de Falamos

Este 5 de outubro abriu o prazo para solicitar praza na primeira quenda de actividades de Falamos, un programa para activar a lingua na mocidade estudantil de Pontevedra. O programa, creado en colaboración entre a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra, a través das áreas de normalización lingüística, ten o obxectivo de crear espazos de socialización en lingua galega a través de actividades tan variadas como un curso de cociña ou o voluntariado lingüístico. Para todas as actividades cómpre estar inscrito no programa Falamos (podedes inscribirvos a través desta ligazón), e unha vez inscrito no programa, podes apuntarte ás actividades que queiras aquí.

Estas actividades son programadas para ofrecer espazos e actividades onde falar en galego. E como falar, fálase en moitas circunstancias e contextos, comezamos con estas catro, que foron propostas polo mesmo alumnado da universidade que participou na elaboración do programa. Xa podedes inscribirvos nas catro actividades propostas para o primeiro cuadrimestre, sobre as que vos contamos un pouco máis polo miúdo:

Comezamos co curso de cociña, unha das actividades máis orixinais! Nestas sesións aprenderemos a facer receitas de cociña sinxelas pero moi saborosas da man de Bolboretas no Bandullo (www.bolboretasnobandullo.com), profesionais da cociña. O curso terá tres citas nas que se aprenderán dúas receitas en cada unha: na primeira sesión, que terá lugar o xoves 22 deste mes, prepararase salsa boloñesa e cookies; na segunda, o martes 11 de novembro, faremos ovos recheos e brownie; a terceira e última cita será o mércores 9 de decembro e farase pizza e biscoito de iogur. Fáisenos a boca auga cada vez que vemos as receitas!

O 27 de outubro é a sesión de presentación do club de lectura, unha actividade clásica e que non pasa de moda. A primeira sesión será sobre Infamia, o libro de Ledicia Costas, coa presenza da autora. Este é un espazo pensado para compartir, comentar e debater en galego lecturas de textos literarios escritos ou traducidos ao galego. Na sesión de presentación explicase o desenvolvemento do club de lectura, que se celebrará unha vez ao mes, en horario de tarde. As sesións están programadas para os días 17 de novembro, 15 de decembro e 13 de xaneiro. En cada sesión comentarase un libro e haberá unha persoa que modere a sesión, que animará e facilitará a participación de todo o mundo.

E para quen prefire o audiovisual, o 29 de outubro pode ir á primeira sesión do ciclo de pelis do Falamos. Durante este cuadrimestre haberá tres datas para ver filmes en galego ou subtituladas en galego, e despois de ver a peli haberá un coloquio. A primeira sesión proxectarase Tódalas mulleres que coñezo (2018), de Xiana do Teixeiro; o martes 3 de novembro será a segunda sesión, Hamada (2018), de Eloy Domínguez Serén, en lingua orixinal árabe e subtitulada ao galego; e pechamos o ciclo o venres 11 de decembro con O que arde (2019), de Oliver Laxe. As proxeccións serán na Casa das Campás, en colaboración co Cineclube Pontevedra.

Para rematar, a última actividade do programa é unha das máis interesantes e innovadoras: o voluntariado lingüístico. Esta para as persoas ás que lles guste darlle á lingua, tanto se teñen un nivel experto de fala como se teñen a sensación de que lles falta fluidez. Neste voluntariado as parellas quedarán unha vez á semana nunha cafetería ou nalgún lugar público para tomar algo e falar, así de sinxelo. Porque a falar apréndese falando!